Friday 03 de May de 2024

O pleno de Noia aproba definitivamente un crédito extraordinario que permitirá investir máis de 508.000 euros en diversas obras


Aprazada a modificación da Relación de Postos de Traballo ata un vindeiro pleno extraordinario

O pleno municipal de Noia aprobou o pasado serán de xeito definitivo a habilitación dun crédito extraordinario con cargo ao remanente de tesourería por importe de 508.137,85 euros. Trátase dunha contía que servirá para acometer 21 obras distintas. Esta operación financeira recibiu os votos a favor do goberno (PP e NOIA) e as abstencións dos grupos da oposición (PSOE, Marea Cidadá e BNG).

Para a aprobación definitiva destes investimentos foi preciso desestimar unha alegación presentada polo concelleiro Manuel Seijas, de Marea Cidadá. O alcalde de Noia, Santiago Freire, destacou que a alegación, segundo os informes técnicos municipais, carecía de fundamento legal. Freire detallou os investimentos, que responden tanto a demandas presentadas pola veciñanza como a necesidades constatadas polo goberno municipal.

En concreto, este crédito extraordinario permitirá investir 97.626,42 euros na eliminación dun vertido de saneamento de augas fecais no cruce da Xílgara; así como 31.324,32 euros na instalación de saneamento nos ramais da aldea de Becollo (Argalo); e 16.146.24 euros no abastecemento de auga no lugar do Couto de Arriba. Ademais, achegará 48.390,47 euros para a habilitación dun aparcamento en Bergondo; 47.640,10 euros para o aglomerado da rúa Castelao; e 32.648,44 euros para o arranxo da rúa Calzadiña e da pista ao Vilarvello (A Rasa).

En canto á mellora de estradas, este grupo de obras inclúe 44.191,83 euros para a conservación e mellora do camiño de Roo a Castro; 38.741,09 euros no arranxo da pavimentación da pista ao Curral (Orro); e 23.656,93 euros na mellora da accesibilidade á igrexa de San Martiño. Finalmente, contémplanse a mellora da seguridade viaria en Pontenafonso por un importe de 8.439,25 euros e o acondicionamento dun treito da estrada na Ponte de San Francisco por 14.000,26 euros.

Con este crédito extraordinario procedente de remanentes o Concello poderá dispoñer tamén de 30.335 euros para a mellora dos parques infantís de Orro e do emprazado nas instalacións deportivas de San Lázaro; 13.794 euros para instalar un sistema de calefacción do club de xubilados; máis de 18.000 euros para melloras en alumeado público ou 5.614 euros para un xestor de colas no Concello.

Saneamento en Sueiro
De xeito inicial, e cos votos a favor de PP, NOIA, Marea Cidadá e BNG máis a abstención do PSOE, aprobouse outro crédito extraordinario, o terceiro de 2019, co que se poderán utilizar algo máis de 48.000 euros de remanentes de tesourería para unha obra na rede de saneamento no lugar de Sueiro (Argalo) que tamén era demandada pola veciñanza da zona.

Relación de Postos de Traballo
En canto á proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello, acordouse que quedase sobre a mesa para ser debatida e votada nunha próxima convocatoria extraordinaria do pleno. Logo dun receso duns minutos, os grupos do PP, NOIA e BNG votaron a favor deste aprazamento, mentres que Marea Cidadá e o PSOE abstivéronse.

O alcalde, Santiago Freire, explicou que a modificación da RPT foi acordada na mesa de negociación coa representación do persoal municipal, pero posteriormente aprezouse unha serie de incorreccións nos informes técnicos do Concello que é preferible subsanar antes de que o documento sexa aprobado polo pleno da corporación.

Plan de Benestar Animal
Por outra parte, aprobouse por unanimidade unha moción conxunta presentada polos grupos da oposición para a aplicación dun Plan Municipal de Benestar Animal. Entre outras cuestións, a proposta prevé crear un refuxio de animais domésticos abandonados, establecer protocolos de actuación ante casos de abandono animal, xestionar colonias felinas como a de San Lázaro, programas de sensibilización cidadá ou unha ordenanza municipal específica sobre a materia.

A concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neri, precisou que boa parte das medidas propostas xa se están aplicando ou avaliando. Neste sentido expuxo as medidas de control e xestión aplicadas ás diversas colonias felinas en contacto permanente con asociacións protectoras, indicou que Protección Civil segue determinadas normas para a recollida, custodia e entrega en adopción de animais ou remarcou que o Concello desenvolve periodicamente charlas de sensibilización co Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil.

O alcalde engadiu que o Concello está avaliando cal sería a ubicación máis idónea para o refuxio de animais abandonados. Santiago Freire sinalou que tratan de buscar unha parcela con edificabilidade suficiente, distante de núcleos de vivendas e á vez nunha zona de vixilancia doada para disuadir de usos indebidos das instalacións. O rexedor indicou que unha das opcións podería ser unha parcela colindante á base de Protección Civil e ao Punto Limpo, se ben matizou que haberá que agardar a ter os informes técnicos pertinentes e tamén unha estimación de custos antes de tomar calquera decisión.

Despedida
Aproveitando que se trataba da derradeira sesión plenaria ordinaria deste mandato, o portavoz do PSOE, José Manuel Lage Tuñas, tomou a palabra ao remate para despedirse da corporación. Agradeceu o labor do persoal municipal, recoñeceu as boas relacións persoais con todos os representantes políticos por riba de diferencias ideolóxicas e tivo unha lembranza especial para a figura de Agustín Mourís Hermo, concelleiro do PSOE falecido en agosto de 2017.

Os voceiros dos diferentes grupos deséxaronlle sorte no ámbito persoal a Lage Tuñas e o alcalde manifestou que “todos aprendemos moito neste periodo, no que tivemos debates con certa intensidade pero que quedaron no ámbito político, nunca foron ao persoal, o que nos permite a todos seguir traballando pola veciñanza do concello”.